CORRER NO CORGO

O Corgo é vento na cara e arume mariño. Arume a mar bravo. Arume a argazos e herba recén cortada. Correr polo Corgo é deleite para os sentidos: paisaxes abertas ó mar que cansan o corpo e alegran a alma. Monte Louro ó fondo e o Finisterrae agochado entre as brétemas; os cumios do Tahume e o monte Facho axexan o noso discorrer; o sempre vixiante faro de Corrubedo…Ledicia para a vista…A pisada mol polas areas de Espiñeirido, tramo duro, cansino, suficiente para tensar o cuádriceps mais torneado polo esforzo…Lameiras nos carreiros, esvaradizos, permitindo ese doce placer que nos era negado na infancia cando os proxenitores non nos permitían a ledicia do chapoteo nas pozas da choiva. Tacto da herba, da lama, da terra…Salseiros arrincados polo nordés nas pedras das Basoñas…Vento na cara…


Sons de mar. Sempre o mar. O mar bravo, infinito…o atlántico…batendo rítmico nas Pedras Negras…marcándonos o ritmo da nosa carreira, sincopado cos latexos do corazón…Sons do silencio, sons do vento nos muros de pedra, vellos, de toda a vida, que pechan as leiras dos labregos de Teira. Muros levantados por esforzados canteiros coa pedra do monte Facho e que o progreso quere derrumbar. Sabor de salitre na lingua…sabor a mar…misturado co suor…sin saber onde comenza un e remata o outro…

Correr no Corgo é solidaridade. Coa natureza amenazada en nome dun mal entendido progreso. Solidaridade cos demáis compañeiros que comparten connosco as mismas ganas de trotar polo mundo adiante, que comparten a mesma satisfación cada vez que as súas zapatillas pisan a herba mollada…Solidaridade cos labregos de Teira, apoiados na lagoña coa que sachan a leira fértil. Cos mariscadores e mariñeiros que sacan o seu sustento no mesmo hábitat que para outros é lecer…

Pola nosa banda, os organizadores deste evento tentaremos facervos sentir que o Corgo é unha parte do voso mundo, do voso ser…dese sentimento de corredor…desa ledicia para os sentidos…


ORGANIZAN:


COLABORAN:

Correr en Galicia

Asociación Cultural "R. e I. Cofradía da Dorna"
Apartado de Correos 16 - Ribeira (A Coruña)